A ribeirense Carmen Sampedro e a compostelá Anetadocamilo (Beatriz Bascoy) expoñen as súas pinturas no Centro Empresarial do Tambre

19.06.2023


A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) acollerá desde o luns, 19 de xuño, a exposición conxunta Dualidade e Dimorfismo das artistas Carmen Sampedro e Anetadocamilo. A inauguración celebrarase o mesmo luns ás 20 horas no Centro Empresarial do Tambre en Santiago de Compostela. A mostra estará aberta ao público ata o 14 de xullo, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Recoméndase avisar da visita no teléfono 981 55 28 50.

O nome da mostra xurdiu porque as súas obras son diferentes, tanto na temática como na técnica que aplican, pero, á vez, se se ven en conxunto e coas cores que teñen as obra, dá a sensación de ser similares.

Carmen Sampedro mostrará 13 obras retrospectivas cunha temática diferente á habitual, empregando acrílicos e técnicas mixtas e cun formato de 70 x 63 cm., onde destacan as liñas ondulantes e sinuosas existentes na natureza e que cobran protagonismo nos seus cadros.

Esta fascinación reflíctea en animais mariños, nos movementos cadenciosos das medusas, nos anacos de algas mexidas polas ondas do mar, en estrañas criaturas das profundidades, e mesmo están presentes en interconexións nerviosas, amosando unha colección de cores e movementos que conforman o foco de atención das súas obras nesta exposición.

As súas últimas obras, encadradas na serie Ela, están dedicadas ao empoderamento feminino e realizadas, sobre todo, con acrílicos. E a nova serie Ina, que se expoñerá o 1 de xullo no Centro Cultural Lustres Rivas en Ribeira , terá a mesma temática, pero serán obras realizadas en óleo.

A pegada do mar na súa obra

Carmen Sampedro naceu en Ribeira en 1956, e aínda que leva máis de trinta anos afincada en Santiago de Compostela, o arrecendo do mar está impreso nela, polo que a temática dunha gran parte da súa fecunda obra está vencellada ás paisaxes mariñas. Autodidacta nos seus comezos, formouse posteriormente con artistas de renome como Xurxo Martiño e Raúl Gil Burés, que puliron a súa técnica. Ademais, asistiu a numerosos talleres de mestres con estilos diversos na súa ansia de perfeccionarse.

Ata o 2015 non foi quen de mostrar a súa produción pictórica publicamente, a pesares de levar décadas pintando. Pero a súa capacidade creativa e súa constante busca do seu camiño artístico, levouna a realizar ata o de agora máis de 70 exposicións, tanto individuais como colectivas, nunha traxectoria meteórica, que combina coa súa outra gran paixón, a poesía, en galego, que plasma tamén en lenzos.

Beatriz Bascoy

Pola súa banda, Beatriz Bascoy (Santiago de Compostela, 1980), máis coñecida polo seu nome artístico Anetadocamilo, expoñerá nesta mostra 10 cadros realizados coa técnica Mixed Media sobre lenzo, con temáticas dispersas, "algúns cadros con mensaxes reivindicativos e outros de paisaxe", e con medidas diversas, de 40 x60 cm. ata 70 x 100 cm. "O estilo que emprego é moi característico, é unha combinación de varias técnicas onde se mesturan formas de traballar e de materiais a utilizar", explica.

O seu nome artístico rende homenaxe aos seus avós, Camilo e Carmucha, xente do rural da contorna de Santiago, afeitos a traballar de sol a sol. É un recoñecemento a todos os avós dunha xeración marcada pola loita contra a fame e as inxustizas dunha sociedade enfrontada.

Anetadocamilo é un xeito de expresar inquedanzas, sentimentos, críticas, vivencias cotiás, soños, e ansiedades que traspasan o límite dos elementos visuais para transformarse en armas contra as inxustizas, a monotonía, o desarraigo cultural,… de mergullarse nun mundo de cor paralelo a un mundo real no que abundan os tons grises.

Desde que comezou esta aventura, tivo a oportunidade de expor en diversos lugares, algúns con máis renome ca outros, sen embargo, para a artista todos os sitios onde expón son importantes, pois é unha maneira de achegar a súa arte a todos os recunchos e a unha ampla diversidade de público. Ademais, conta con participacións en diversas colaboracións artísticas, por exemplo na conmemoración do Día da Muller Traballadora (8M) ou no Día Internacional do Cancro, promovidas pola agrupación Galeoska.
Fonte: Diario O Barbanza